A técnica ELISA (Enzyme-Linked ImmunoSorbent Assay) baséase na detección dun antíxeno inmobilizado sobre unha fase sólida mediante anticorpos que directa ou indirectamente producen unha reacción cuxo produto, por exemplo un colorante, pode ser medido espectofotométricamente.
A comercialización das técnicas EIA para a detección de anticorpos anti-VIH arrinca en 1.985 e na actualidade úsanse dun modo rutineiro en todos os laboratorios de Microbioloxía Clínica e nos Bancos de Sangue ou Centros de Transfusións seguramente de case todos os países desenvolvidos do mundo.
Dun modo esquemático (aínda que hai 3 tipos de ELISA: directo, indirecto e sandwich), a mostra, soro normalmente, enfróntase nun soporte, xeralmente un pocillo dunha placa de microtitulación, a un compoñente vírico que actúa como antíxeno.
Se no soro existen anticorpos específicos, estes únense co antíxeno formando un complexo que se pon en evidencia mediante unha reacción enzimo-cromática que pode ser visualizada a primeira ollada ou medida cun fotómetro. Polo xeral, nas técnicas ELISA non competitivas, a mostra é positiva cando se desenvolve cor.
Métodos máis modernos empregan técnicas de quimioluminiscencia.
As técnicas EIA, polo xeral moi sensibles, detectan mínimas cantidades de anticorpos polo que pequenas interferencias de substancias similares poderían conducir a un resultado positivo falso.
Na actualidade tamén son técnicas moi específicas, pero a practica habitual dos centros que obteñen resultados positivos é utilizar polo menos outra técnica ELISA para reafirmar a positividade, se é posible cun deseño de recoñecemento de anticorpos diferente; cando a positividade se repite cun segundo EIA confírmanse os resultados con outras técnicas de alta especificidade, normalmente con técnicas de inmunoblot ou IFI.
Ademais adóitase solicitar sempre unha segunda mostra do paciente para evitar posibles equivocacións na manipulación dos soros co que a probabilidade de emitir resultados erróneos queda moi reducida.
Esta técnica permite a detección da infección incluso no periodo de fiestra.
ELISA ou EIA
Exemplo de ELISA/EIA
